O pasado 5 de abril realizamos unha visita cultural programada a Santiago de Compostela, para realizar unha visita didáctica ao Museo do Pobo Galego e á Catedral de Santiago.
No Museo do Pobo realizamos dúas actividades autónomas, usando materiais subministrados polo propio museo: "Os tesouros de D. Antonio" e "Remuíño de pistas".
A primeira foi unha actividade dirixida ao alumnado de 5º, destinada a coñecer a vida e obra de Antonio Fraguas, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas e primeiro director do Museo a través dun xogo distendido de descubrimento; a segunda actividade destinada ao alumnado de 6º, que consistiu nun percorrido lúdico pola colección do Museo para poder descubrilo cunha dinámica de xogo de pistas.
A continuación, trasladámonos á Catedral de Santiago andando nun curto percorrido polo casco vello da cidade. Puidemos entón disfrutar dunha visita guiada ao recén restaurado Pórtico da Gloria, obra do xenial Mestre Mateo, considerada unha das obras cumbre da arte universal.
As nenas e nenos de 5º e 6º mostraron unha atención e comportamento sobresaíntes, destacados ao final pola guía da visita. Finalizar dicindo que a valoración da xornada foi moi positiva.