jueves, 26 de diciembre de 2019

Despedimos a Bruno Marton e Laura Rodríguez U.

Bruno Marton primeiro e agora Laura, tiveron que deixar o noso centro escolar. Seguirán os seus estudos noutros colexios e seguro farán amigos e amigas coma os que deixan aquí.
Bruno Marton estivo con nós só sete días lectivos pero deixou pegada en todos e todas e o recordamos con agarimo. Continuou a súa viaxe acompañando a súa familia coa exposición «Dinosaurs Tour», a maior exposición de dinosaurios animatrónicos que estivo no IFEVI do 30 de novembro ao 8 de decembro.
Laura en cambio, retorna a súa vila natal de Ponteareas e alí seguirá os seus estudos onde esperamos lle vaia estupendamente.
Bruno e Laura: botarémosvos de menos!!
Desexarvos o mellor no futuro.
UNHA GRANDE APERTA!






Charla PLAN DIRECTOR 2019/20: Acoso Escolar

En decembro tivo lugar unha nova charla sobre o Acoso Escolar, dentro don PLAN DIRECTOR para a Convivencia e Mellora da seguridade nos Centros Educativos e os seus entornos, dirixida ao noso alumnado de 5º e 6º de Primaria. Charla co obxectivo de proporcionar aos menores información xeral sobre este problema de seguridade que pode afectarlles e ter un mellor coñecemento de como enfrontarse a el e as súas consecuencias penais.


viernes, 20 de diciembre de 2019

SEMANA ESCOLAR DO CAMIÑO DE SANTIAGO

No ano 2021 celebraremos un novo XACOBEO. Para este curso a Comisión Organizadora do Xacobeo-21 vén de programar a SEMANA ESCOLAR DO CAMIÑO DE SANTIAGO, dirixida aos cursos de 5º e 6º de Primaria, do 25 ao 29 de novembro. Nós participamos co obxectivo como dí o programa «de aprender aspectos importantes relacionados co Camiño Francés de Santiago dun xeito entretido, lendo e tomando como base unha aventura creada con esta finalidade». A investigación que realiza a Ecopanda (protagonistas da historia), para descubrir uns roubos de pezas románicas, foi a perfecta escusa para traballar en equipo percorrendo o Camiño Francés de Santiago dun xeito diferente, utilizando a guía que acompaña á historia de ficción.

miércoles, 18 de diciembre de 2019

Coñecendo a flora e a fauna da nosa contorna

A comezos de decembro levamos a cabo unha saída pola contorna do colexio para observar e coñecer mellor a flora e a fauna que nos rodea.
Para este curso precisamente o tema do proxecto da Biblioteca escollido ten por título «Flora coñece a CARBI». É por isto que nos centraremos a partir do segundo trimestre neste especial aspecto da natureza e será fío condutor dalgunha das nosas actividades ao longo do curso. 
Estamos a comezar tanto en 5º como en 6º o tema das plantas polo que, unha saída neste momento, para coñecer o estado da natureza ao noso arredor é necesario e moi oportuno. Así tamén contrastaremos o estado da mesma cos cambios que se van producir cando chegue a primavera. 
Para esta actividade contamos coa colaboración dun pai e unha nai: Manuel e Amalia, que como biólogos que son, foron uns guías estupendos para todo o alumnado. O noso agradecemento.

lunes, 9 de diciembre de 2019

Charla PLAN DIRECTOR: Violencia de Xénero

O día 25 de novembro, día no que se conmemora anualmente o día internacional da eliminación da violencia contra a muller, tivo lugar unha charla no centro dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria a cargo dunha policía nacional. O obxectivo dentro do programa educativo «PLAN DIRECTOR», é proporcionarlles ás nenas e nenos información xeral sobre este problema grave que afecta a nosa sociedade, e na que elas e eles van ter un papel determinante para tentar conseguir a súa erradicación o antes posible.
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcarballalcabral/node/842
Facer «Clic» na imaxe para ver máis.

domingo, 8 de diciembre de 2019

Exposición Oral: «O Teixugo»

Unha vez máis este curso puidemos disfrutar cunha nova exposición oral en 6º que prepararon nesta ocasión Antía Pedrosa Mariño e Candela Otero Álvarez. Aproveitando que estabamos a tratar en Ciencias Naturais o tema dos animais, faláronnos dun fermoso habitante dos bosques da nosa contorna e que puidemos coñecer mellor: o teixugo.
Grazas a elas puidemos ver en primicia imaxes que na nosa paisaxe tan transformada de Vigo pensabamos que serían cousa do pasado.
A súa intervención resultou sobresaínte e moi interesante para todos e todas.

domingo, 17 de noviembre de 2019

Programa de Educación Viaria para 6º de Primaria


O pasado xoves día 14 recibimos a visita de Pili, Policía Local de Vigo pertencente ao Departamento de Educación Vial, para dar unha charla de Educación Viaria ao alumnado de 6º de Primaria.
Estaba previsto, como outros anos, que 6º se trasladara ao PIT (Parque Infantil de Tráfico) do Castro para realizar prácticas como peóns e como condutores, pero dadas ás malas condicións metereolóxicas reinantes tivo que suspenderse e non puidemos disfrutar desa actividade.
Este programa lévase a cabo nos colexios do municipio co obxecto de formar na seguridade viaria e na prevención de accidentes. 


 Para máis información
 accedede a este artigo 
 dun diario da nosa cidade Pulsa AQUÍ







 
 




Tamén na páxina web do Concello de Vigo, no departamento de EDUCACIÓN VIARIA.